O Instituto de Biofabricación en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos+) conclúe catro anos de investigación transfronteiriza en biofabricación e medicina personalizada para o envellecemento saudable. A xornada final deste proxecto, integrado por universidades, centros de investigación, empresas e administracións de saúde de Galicia e Portugal, tivo lugar este venres en Vigo e nela presentáronse os principais resultados acadados polo consorcio. A xuntanza, celebrada en Citexvi, reuniu a representantes das entidades parceiras para compartir casos de éxito en investigación, transferencia de tecnoloxía, divulgación e formación, así como para analizar a continuidade desta iniciativa.
Coordinado pola Universidade de Vigo, Iberos+ contou coa participación de 14 entidades e máis de 150 investigadores e investigadoras especializados en biofabricación, enxeñaría de tecidos e medicina personalizada cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros financiado polo Programa Interreg España-Portugal 2021-2027 (Poctep), con cofinanciación Feder. Ademais da UVigo, o consorcio inclúe ás universidades de Santiago de Compostela, Minho e Católica Portuguesa; a Fundación Biomédica Galicia Sur; o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC; o Servizo Galego de Saúde; o Instituto de Investigação e Inovação em Saúde da Universidade do Porto; o Instituto Superior de Engenharia do Porto; o Laboratório Ibérico Internacional de Nanotecnologia; e as empresas BFlow, Arbinova, iBoneLab e Intelligent Lab on Fiber.